O proceso de participación pública para a elaboración das Directrices da Paisaxe tivo lugar entre o 25 de febreiro e o 21 de abril deste ano coa finalidade de recoller a opinión da cidadanía en relación aos obxectivos de calidade paisaxística, é dicir, as preferencias da poboación para a paisaxe da súa contorna, así como sobre as accións de protección, xestión e ordenación da paisaxe desexadas pola xente. Para acadar unha participación pública o máis efectiva posible, leváronse a cabo diferentes tipos de accións a través de diversos medios, entre elas, obradoiros presenciais, unha plataforma web participativa e un cuestionario presencial e online.
Co obxectivo de incrementar a participación acadada no proceso de elaboración do Catálogo das Paisaxes, durante o cal se levaron a cabo 12 obradoiros oficiais, un por cada Grande Área Paisaxística, para o desenvolvemento das Directrices de Paisaxe preveuse, como mínimo, a realización de 50 obradoiros participativos, un por cada Comarca Paisaxística. Deste xeito buscábase acadar unha maior equidade espacial no proceso participativo e a recollida de achegas para un ámbito territorial máis local. Se ben a planificación inicial incluíu a realización destes 50 obradoiros, finalmente o número total de obradoiros realizados foi de 64, xa que se realizaron 14 obradoiros a maiores, fundamentalmente froito do interese de administracións locais ou asociacións.
Nos 64 obradoiros realizados participaron un total de 776 persoas, repartidos en 634 participantes nos 50 obradoiros iniciais (81,7%) e 142 persoas nos 14 obradoiros complementarios (18,3%). O perfil dos participantes foi moi variado, xa que o 35% correspondeu a persoal tanto técnico como político da administración, o 30% a persoas que formaban parta dalgunha asociación, o 13% a representantes de empresas ou profesionais e o 21% a outros perfís (o 1% non respondeu a este dato).
Ao remate de cada obradoiro pediuse aos participantes que cubrisen un cuestionario de satisfacción no que a valoración dos obradoiros en termos xerais foi considerada como “moi ben” ou “ben” polo 86% das persoas asistentes e o 93% consideraron “moi importante” ou “bastante importante” contar con procesos de debate público. Estes datos foron confirmados pola porcentaxe de persoas que manifestaron que, en caso de celebrar un novo obradoiro, si tería interese en asistir, que foi do 87%. Neste cuestionario tamén se avaliou a plataforma web, de xeito que o 94% das persoas que cubriron o cuestionario manifestaron que a plataforma web empregada fora útil para a participación e un 75% consideraron que podía ser facilmente empregada por calquera persoa.
Nesta plataforma web, na que participaron 882 persoas, implementáronse dúas actividades: unha enquisa fotográfica e un Sistema de Información Xeográfica para a Participación Pública. A partir da enquisa fotográfica, que foi cuberta 988 veces, calculouse un índice de satisfacción coa paisaxe actual para cada tipo de paisaxe en cada comarca paisaxística. A través do visor xeográfico os participantes valoraron 948 escenas paisaxísticas predeterminadas, correspondentes a exemplos representativos dos tipos de paisaxe identificados no Catálogo das Paisaxes de Galicia, e localizaron e valoraron outras 1.254 escenas, en total 2.202. Para estas escenas seleccionaron 25.616 medidas de protección, xestión e ordenación da paisaxe entre as propostas e propuxeron 1.399 novas medidas, a partir das cales se calculou un índice de intervención desexada para cada un dos tipos de paisaxe en cada comarca paisaxística.
A partir do índice de satisfacción e do índice de intervención desexada na paisaxe obtido para cada tipo de paisaxe en cada comarca paisaxística definiuse un escenario de planificación para esa comarca, do seguinte xeito:
- Índice de satisfacción alto e índice de intervención baixo: escenario de protección, é dicir, o obxectivo é protexer e conservar a paisaxe no seu estado actual.
- Índice de satisfacción baixo e índice de intervención alto: escenario de ordenación, é dicir, o obxectivo é cambiar e planificar unha nova paisaxe.
- Índice de satisfacción alto e índice de intervención alto: escenario de xestión, é dicir, de conservación da paisaxe actual, pero xestionándoa de forma activa cunha tendencia á protección.
- Índice de satisfacción baixo e índice de intervención baixo: escenario de xestión, pero con tendencia á ordenación.
Os resultados indican unha clara preferencia polos tipos de paisaxe máis naturais (ríos e bosques) e algúns tipos de paisaxes agrícolas (especialmente viñedos, prados e pastos), mentres que as paisaxes nas que poboación considera máis necesario intervir son as correspondentes a actividades extractivas e a edificacións diseminadas recentes.
Tipos de paisaxe | ÍNDICE DE SATISFACCIÓN media en Galicia | ÍNDICE DE INTERVENCIÓN media en Galicia |
---|---|---|
Ríos e lagoas nos canóns | 0,93 | 0,45 |
Ríos e lagoas nas chairas ou nos vales | 0,85 | 0,45 |
Ríos e lagoas nas serras | 0,84 | 0,45 |
Áreas con matogueira, turbeira ou rochedos nos canóns | 0,64 | 0,40 |
Áreas con matogueira, turbeira ou rochedos nas chairas ou nos vales | 0,62 | 0,40 |
Áreas con matogueira, turbeira ou rochedos nas serras | 0,80 | 0,40 |
Bosques nos canóns | 0,98 | 0,42 |
Bosques nas chairas ou nos vales | 0,80 | 0,42 |
Bosques nas serras | 0,96 | 0,42 |
Cultivos nas chairas ou nos vales | 0,80 | 0,45 |
Cultivos nas serras | 0,62 | 0,45 |
Plantacións forestais nos canóns | 0,25 | 0,47 |
Plantacións forestais nas chairas ou nos vales | 0,27 | 0,47 |
Plantacións forestais nas serras | 0,37 | 0,47 |
Prados e pastos nas chairas ou nos vales | 0,90 | 0,48 |
Prados e pastos nas serras | 0,85 | 0,48 |
Viñedos nos canóns | 0,96 | 0,45 |
Viñedos nas chairas ou nos vales | 0,78 | 0,45 |
Áreas urbanizadas nas chairas ou nos vales | 0,34 | 0,47 |
Núcleos rurais ou edificacións diseminadas nas chairas ou nos vales | 0,74 | 0,56 |
Núcleos rurais ou edificacións diseminadas nas serras | 0,51 | 0,56 |
Canteiras e minas nas chairas ou nos vales | 0,20 | 0,75 |
Canteiras e minas nas serras | 0,27 | 0,75 |
Litoral | 0,90 | 0,36 |
A definición dun tipo de escenario ou outro determina a redacción dos obxectivos de calidade paisaxística para cada comarca e grande área paisaxística.
Por outra parte, a avaliación das medidas propostas para a xestión da paisaxe, realizada a partir dos resultados de 1.451 cuestionarios, indica na maior parte dos casos unha preferencia da poboación por intervir ou regular as actividades ou actuacións con incidencia na paisaxe. Entre estes datos destaca o 79% da poboación que está totalmente de acordo con limitar as actividades mineiras, o 74% que apoia totalmente a protección dos bosques e espazos naturais, o 66% que está totalmente de acordo con limitar encoros e centrais hidroeléctricas, o 63% que o está con conservar a estrutura parcelaria tradicional e o patrimonio cultural e o 62% con priorizar a integración paisaxística das infraestruturas.
FRASE A | Totalmente de acordo coa frase A | Máis de acordo coa A que coa B | Nin de acordo nin en desacordo | Máis de acordo coa B que coa A | Totalmente de acordo coa frase B | FRASE B |
---|---|---|---|---|---|---|
Conservar a estrutura de pequena parcela de usos tradicionais do solo | 63% | 23% | 6% | 6% | 2% | Fomentar os procesos de concentración parcelaria |
Regular os tipos de materiais e de cores a empregar nas edificacións | 47% | 24% | 17% | 7% | 6% | Autorizar a liberdade de materiais e cores nas edificacións |
Preferencia de accións de protección dos bosques e espazos naturais | 74% | 17% | 6% | 2% | 1% | Dar prioridade no solo para novas urbanizacións e infraestruturas |
Novas edificacións acordes co estilo das xa existentes | 49% | 30% | 12% | 5% | 4% | Diversidade de estilos nas novas edificacións |
Favorecer o aproveitamento integral dos bosques (froitos; cogumelos; caza; leña; etc.) | 65% | 22% | 8% | 2% | 3% | Fortalecer as plantacións forestais para aproveitamento madeireiro |
Acotar a instalación de novos parques eólicos | 48% | 25% | 14% | 7% | 5% | Incrementar a instalación de novos parques eólicos |
Aumentar o solo dedicado a actividades agrícolas (prados e pastos) | 45% | 29% | 20% | 3% | 3% | Aumentar o solo dedicado a aproveitamento madeireiro (piñeiros e eucaliptos) |
Edificación en solares baleiros dentro dos núcleos urbanos | 52% | 26% | 14% | 5% | 3% | Edificación espallada en torno aos núcleos de poboación |
Limitar actividades industriais e mineiras que non sexan respetuosas coa contorna | 79% | 12% | 6% | 1% | 1% | Permitir actividades industriais e mineiras que non sempre priorizan o respecto á contorna |
Limitar a construción de encoros e centrais hidroeléctricas | 66% | 17% | 11% | 3% | 2% | Facilitar a construción de encoros e centrais hidroeléctricas |
Priorizar a integración na paisaxe fronte aspectos económicos na construción das infraestruturas de comunicación | 62% | 25% | 8% | 3% | 2% | Antepoñer os valores económicos ao impacto na paisaxe na construción de novas infraestruturas de comunicación |
Potenciar accións que buscan controlar ou regular a chegada de turistas | 28% | 24% | 15% | 15% | 19% | Impulsar accións que buscan aumentar o número de turistas |
Conservación e protección estrita dos elementos patrimoniais de interese histórico e cultural | 63% | 23% | 6% | 6% | 2% | Flexibilidade na protección dos elementos patrimoniais de interese histórico cultural, por razóns socioeconómicas |
Preservar as actividades tradicionais vinícolas, de horta e froita | 47% | 24% | 17% | 7% | 6% | Concentrar superficie de solo para actividades vinícolas, de horta e froita |
Pódese consultar aquí o documento completo.