Santiago, 11 de xaneiro de 2013.- O Instituto de Estudos do Territorio celebrou en Guísamo un encontro sobre paisaxismo e medio rural. A finalidade desta xornada de traballo foi compartir e poñer en común as experiencias de distintas iniciativas a prol da defensa da paisaxe galega.
Nesta xornada, organizada polo Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Guísamo coa colaboración da Consellería do Medio Rural e do Mar e o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, tamén participou a Escola Galega de Paisaxe, o Laboratorio do Territorio da Universidade de Santiago de Compostela, a Asociación Montes Vivos e o Instituto de Estudos do Territorio, en representación da Xunta de Galicia.
O director do Departamento Técnico de Estudos do Instituto, Francisco Castillo, pronunciou a intervención inaugural, que se centrou na presentación das claves para actuar a prol da paisaxe recollidas na Estratexia Galega do Paisaxe.
Esta estratexia sobre a paisaxe galega recolle as liñas mestras para o desenvolvemento dos instrumentos que se prevén na Lei da Paisaxe de Galicia.
As accións que contempla a Estratexia apóianse en tres eixos: os instrumentos para protección, ordenación e xestión; as estratexias de integración paisaxística e as actividades encamiñadas á sensibilización, divulgación e formación.
A base para estas actuacións é o Mapa das Grandes Áreas Paisaxísticas, que é o marco para a elaboración dos catálogos e directrices de cada unha destas áreas.
As áreas de paisaxe de Galicia delimítanse en función da topografía, que permitíu distinguir con claridade espazos diferenciados como serras, chairas, vales e litoral; o clima, que fixo posible modular diferenzas entre espazos topograficamente semellantes; e o uso do solo, que facilitou unha maior diferenciación tanto en función do tipo do uso como do grao de ocupación.
Durante o encontro estableceuse un coloquio participativo entre os poñentes e o público asistente, un elemento fundamental (a participación cidadá) para que as decisións e actuacións sobre a paisaxe sexan asumidas e aceptadas.