A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través do Instituto de Estudos do Territorio e en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, vén de poñer en marcha unha serie de melloras en visores xeográficos, en concreto nos seguintes apartados:
- No localizador engadíronse novas funcionalidades ao apartado de busca xeográfica, de tal xeito que se poden realizar consultas de ámbitos xeográficos a través da referencia catastral, empregando o código de 14 díxitos correspondente que nos dá como resultado o zoom sobre o punto resultante da parcela.
- Tamén dentro deste apartado, incorporouse outro localizador de coordenadas UTM29 ETRS89 (o sistema de referencia oficial e que, desde o 1 de xaneiro de 2015 e segundo o Real Decreto 1071/2007, debe seguir toda información xeográfica e bases de datos xeográficas publicadas). Este, funciona introducindo o X e o Y separados por coma (X, Y). No caso de que teñan decimais, a separación destes deberá ser punto (x.xx, y.yy).
- No apartado do acceso a servizos web de información xeográfica agregouse a funcionalidade de engadir servizos SIX a medida, co que se pode introducir unha URL dun servizo WMS (OGC) ou dun servizo Rest (Esri) e buscar o servizo. Esta ferramenta dispón dunha característica que axuda ao usuario a completar o texto que escribe, dentro dun listado de servizos predefinido e tamén os últimos introducidos válidos. Se o servizo é válido, o sistema listará as capas dispoñibles nese servizo. Unha vez despregado o listado de capas do servizo, poderá agregar ou quitar as capas no mapa ou manexar a transparencia destas. Tamén poderá repregar o listado, isto é, activar ou desactivar a información sobre as capas ou eliminar o servizo completamente (todas as capas) tanto no listado de novos servizos como no mapa e na lenda.
- Por último, dentro do apartado da selección de capas engadiuse a posibilidade de descargar as capas de cartografía dispoñibles no visor en formato shapefile e comprimidas.
Coas melloras realizadas, dunha banda permítese una consulta máis áxil da información ao tempo que se permite incluír no propio visor información xeográfica doutras administracións (dispoñible mediante servizos interoperables). Por outra parte, en colaboración coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza, veñen de poñerse en marcha melloras no visor xeográfico de información de conservación da natureza, en concreto nos seguintes apartados: no tocante ao localizador, na mesma ferramenta integrouse a busca por parcelas de SIXPAC (Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas), de tal xeito que a busca permite un apoio na selección territorial.
Disponse de máis información no apartado de axuda dos visores.