A Xunta publicará este ano dous novos manuais de boas prácticas sobre a paisaxe galega, co fin de orientar as actuacións nos núcleos rurais e nos areais de Galicia

Segundo explicou o director do Instituto de Estudos do Territorio trátase do estudo dos núcleos rurais en Galicia: identificación, tipoloxía, caracterización e análise en clave de sostibilidade e integración paisaxística.

Santiago, 13 de agosto de 2012.- O director do Instituto de Estudos do Territorio, Manuel Borobio, avanzou esta mañá en rolda de prensa que a Xunta publicará en 2012 dous novos manuais de boas prácticas relativas á paisaxe galega, co obxectivo de orientar e facer recomendacións sobre as actuacións que se realicen nos núcleos rurais e nos areais de Galicia. Este é un dos fitos que o Goberno actual pretende conseguir ao longo deste ano, sinalou o director do Instituto de Estudos do Territorio durante a rolda de prensa de balance da Estratexia Galega da Paisaxe.

Tal e como sinalou o director, trátase de manuais de boas prácticas, de pautas recomendables, para garantir, coidar e preservar a paisaxe galega. Lembrou que na estratexia se deseñou unha liña de traballo consistente na elaboración de manuais de boas prácticas para as actuacións, proxectos ou plans de maior incidencia paisaxística, tanto pola súa escala, como polo seu carácter estruturante. O primeiro é o estudo dos núcleos rurais en Galicia: identificación, tipoloxía, caracterización e análise en clave de sostibilidade e integración paisaxística.

En segundo lugar, a Guía de boas prácticas para praias-dunas, coa que se dará cumprimento á normativa do Plan de Ordenación do Litoral, e que pretende orientar as intervencións nos areais galegos; ao tempo que destacou que se dá cumprimento ao Plan de Ordenación do Litoral. Finalmente, avanzou outras liñas de traballo en materia de integración paisaxística e boas prácticas en ámbitos sectoriais de clara incidencia territorial –enerxías limpas, estacións depuradoras e potabilizadoras de auga, centros comerciais.

Catálogos da paisaxe

Borobio sinalou que o primeiro fito que se superou, en relación coa paisaxe galega, foi a elaboración do mapa das grandes áreas paisaxísticas de Galicia, un documento que constitúe a armazón desde a que se comezarán a elaborar os diferentes catálogos e directrices da paisaxe. A partir desa división, a Xunta puido avanzar no desenvolvemento dos catálogos da paisaxe, uns instrumentos (con poucos precedentes de aplicación) que comezaron a empregarse por primeira vez en Galicia no Plan de Ordenación do Litoral, e que serven para delimitar e caracterizar unidades de paisaxe. Estes documentos esixen ir máis alá dun esforzo recompilatorio de información sobre o territorio, xa que pretenden alcanzar os seguintes obxectivos específicos:

  • Identificar e caracterizar os diferentes tipos de paisaxe existentes en cada área paisaxística.
  • Constituír unha base sólida para a definición de estratexias específicas e políticas de paisaxe.
  • Servir de referencia para a elaboración dos Estudos de Impacto e Integración Paisaxística.
  • Servir de documento de partida para campañas de sensibilización da cidadanía sobre a nosa riqueza paisaxística e os seus valores ambientais e culturais.

O paso máis importante sobre este punto foi a aprobación, o pasado 2 de agosto no Consello da Xunta, do Catálogo da Paisaxe da Comarca de Deza, que esta mesma semana se remitirá a todos e cada un dos concellos, cos que no vindeiro mes de setembro comezará o proceso de elaboración das directrices que o desenvolven. Trátase do primeiro dos catálogos aprobados e abrangue unha comarca cunha extensión de 785 km2, que se estende entre os concellos de Dozón, Agolada, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces, así coma espazos concretos de Antas de Ulla, San Cristovo de Cea, Forcarei, O Irixo e Piñor.

Non obstante, a previsión da Consellería é levar a cabo a tramitación do catálogo da fosa de Ourense, así como dalgunha das grandes áreas completas, de xeito coordinado coa elaboración dos instrumentos de planificación territorial.

Unidades de paisaxe

Manuel Borobio sinalou que coa experiencia e traballo sobre a estratexia e o Plan de Ordenación do Litoral levouse a cabo a delimitación de 293 unidades paisaxísticas máis en toda Galicia, chegando a coñecer e definir 935 unidades, ou o que é o mesmo, 780.000 has, o que representa un 26% da superficie de Galicia. Segundo explicou o director, a pretensión do Instituto de Estudos do Territorio é publicar antes de finais desde mesmo ano a metodoloxía para a delimitación e identificación das unidades paisaxísticas e a forma de integrar as grandes áreas e comarcas nos diferentes instrumentos de planificación territorial.

Así mesmo, tamén se marca o obxectivo de ampliar en 290.000 has a superficie delimitada por unidades paisaxísticas. No seguinte mapa pódense observar a unidades paisaxísticas validadas, correspondentes ao Litoral, o Camiño de Santiago, e as comarcas paisaxísticas de Deza e Foxa de Ourense.

Divulgación e formación

Segundo manifestou Manuel Borobio, a paisaxe é o espello no que queda reflectida a nosa forma de entender o mundo, de entender a vida. Defendeu a idea de que en toda sociedade debe de existir unha cultura específica sobre as súas paisaxes. Engadiu que esta é unha das bases e dos piares fundamentais da Estratexia Galega da Paisaxe, e ademais foi concibida pensando nuns destinatarios preferentes, a mocidade galega.

Considerou que as novas xeracións deben protagonizar un novo tempo, o tempo da integración co territorio, o tempo da paisaxe, na que o noso principal patrimonio sexa coñecido, valorado e arraigue na cultura propia.

No que vai de ano realizáronse unha serie de visitas a diversos centros educativos, para dar a coñecer a través de obradoiros e charlas os valores das 12 grandes áreas paisaxísticas que se delimitaron desde a Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe. Unhas accións que quedan validadas polas cifras recollidas, xa que se visitaron un total de 16 centros, traballouse con 52 profesores e nos obradoiros estivemos con máis de 600 alumnos.

O director do Instituto trasladou que estas actividades se manterán polo que en canto empece o novo curso escolar (entre setembro e decembro) se volverá aos centros educativos con máis obradoiros sobre as seguintes áreas: a Galicia Setentrional, O Golfo Ártabro, Chairas e fosas occidentais, as Rías Baixas e a Costa Sur Baixo Miño. En definitiva, concluíu Borobio, o grao de cumprimento da estratexia de paisaxe galega é algo máis que unha declaración de intencións, é unha folla de ruta do actual Goberno de Galicia.

Para a Xunta a ordenación territorial e a protección da paisaxe constitúen dúas liñas prioritarias da súa actuación. É un compromiso que vai máis alá do obrigado cumprimento do noso marco normativo, posto que nace do pleno convencemento da súa transcendencia social, argumentou.

Unha das principais características de Galicia é a súa riqueza paisaxística, única e irrepetible, ao que engadiu que se trata dun recurso patrimonial incuestionable que participa do interese xeral nos aspectos ecolóxicos, culturais, económicos e sociais. Tamén advertiu que é un recurso fráxil e non renovable, que require iniciativas para a súa xestión, salvagarda e mellora. “A nosa paisaxe é a memoria viva do noso pobo e un dos seus principais elementos de identidade”, sinalou, polo que en coherencia con esta convicción, avánzanse os pasos axeitados para a concreción da axeitada política en materia de paisaxe.

Estratexia Galega da Paisaxe

A Estratexia da Paisaxe Galega xurdiu coa convicción da eficacia da paisaxe, como eido vertebrador das políticas con incidencia no territorio e, polo tanto, aspira a promover a súa coordinación.

O obxectivo principal deste proxecto é integrar a paisaxe nas políticas de ordenamento territorial e urbanístico, e nas súas políticas ambientais, do patrimonio cultural, agrícolas, forestais, sociais, turísticas, industriais e económicas, así como en calquera outra política sectorial que poida producir un impacto directo ou indirecto na paisaxe, e sempre en colaboración cos concellos.

Para todo iso, as políticas nesta materia atenden, como mínimo, aos seguintes puntos:

  1. A protección da paisaxe: entendida como todas aquelas accións que teñan como ?nalidade a preservación e conservación dos elementos máis característicos dunha paisaxe, ben polo seu valor patrimonial, como resultado da súa configuración natural ou da intervención humana sobre o medio.
  2. A xestión: a través de accións que desde unha perspectiva de uso sostible do territorio garantan o mantemento regular da paisaxe, co ?n de guiar as transformacións inducidas polos procesos sociais, económicos e ambientais.
  3. A ordenación: que serán todas aquelas accións que presenten un carácter prospectivo particularmente acentuado con vistas a manter, mellorar, restaurar ou rexenerar paisaxes.

A Estratexia da Paisaxe desenvólvese a través de tres tipos fundamentais de accións, que teñen como horizonte o ano 2016: os Instrumentos de Protección, Ordenación e Xestión das Paisaxes, as Estratexias de Integración Paisaxística e a Sensibilización, Formación e Divulgación da paisaxe.

A natureza estratéxica deste documento deriva do seu carácter interdepartamental pola propia transversalidade das políticas da paisaxe, que afectan a case que todos os centros directivos da administración, algúns dos cales xa están colaborando e traballando, no ámbito das súas competencias, na integración da comprensión da paisaxe. En coherencia con esta liña, Galicia conta desde abril de 2012 por primeira vez cun organismo dedicado en exclusiva ao estudo e análise do territorio e á paisaxe: o Instituto de Estudos do Territorio, no que se está a definir o Observatorio Galego da Paisaxe.

Galería de imaxes
O director do Instituto de Estudos do Territorio, Manuel Borobio, na rolda de prensa | Autor: Ana Varela
	O director do Instituto de Estudos do Territorio, Manuel Borobio, na rolda de prensa 	 O director do Instituto de Estudos do Territorio, Manuel Borobio, na rolda de prensa | Autor: Ana Varela 	O director do Instituto de Estudos do Territorio, Manuel Borobio, na rolda de prensa 	 O director do Instituto de Estudos do Territorio, Manuel Borobio, na rolda de prensa | Autor: Ana Varela